16/05/2025

Foliada na Silva


Para culminar varios meses de intenso traballo inmersos en distintos proxectos dedicados a homenaxear ás cantareiras e á poesía popular oral, chegamos á celebración no centro do Día das Letras Galegas: Foliada na Silva. Nos próximos días iremos actualizando este padlet con fotos e vídeos dunha xornada festiva na que participou non só toda a comunidade educativa senón moitas outras persoas externas ao centro (a regueifeira Yessica Nantón, as Pandeireteiras das Encrobas e Folque Ruada) ás que de novo agradecemos enormemente a súa presenza nun día tan especial!

Canto para
Rosa e Dolfina

AS MULLERES DAS ENCROBAS
SABEN CANTAR E BAILAR
SABEN TOCAR O PANDEIRO
PODEN ATENDER A TODO.

TOCAN PRA S'ADIVERTIRE
CANTAN PARA RESISTIRE
AGHORA AQUÍ CANTAREMOS
ESPERANDO O QUE HA DE VIR-E.

NO LUGHARIÑO DA LOUSA
TAMÉN TEMOS UNHA ROSA
QUE TOCA, CANTA E BAILA
CON AMOR E ALEGHRÍA.

AS RAPACIÑAS DA VILA
TOCABAN E CANTABAN
TAMÉN PRA S'ADIVERTIRE
TAMÉN PARA RESISTIR-E.

ESTE CANTO É PRA DOLFINA
ESTE CANTO É PARA ROSA
TANTO TEMPO ESQUECIDAS
E AGHORA CHEGHOULLES O DÍA.

Isabel (Cantareiras das Encrobas)

12/05/2025

Acto de entrega do premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2025

Esta mañá, no CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, vivimos de novo unha xornada moi especial, xa que gozamos da entrega do premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2025. Ademais da intervención dos representantes do centro, da RAG, do Concello e da Secretaría Xeral da Lingua, contamos con diversas actuacións do alumnado do centro, así como coa presenza de Teresa dos Cucos, unha cantareira malpicá que nos acompañou coas súas cantigas. Tedes aquí varias ligazóns que dan conta deste acto:

Facebook. La Voz de Galicia

La Voz de Galicia. Edición Carballo

Instagram. Portal da Lingua

Nota de prensa. Xunta de Galicia

Tv Cerceda


28/04/2025

Cantareiras: poesía popular oral

A Secretaría Xeral da Lingua (SXL) ven de publicar no seu portal "os carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas da categoría A, correspondente a educación infantil e primaria, e da categoría B, correspondente a educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, acompañados de cadansúa guía didáctica. Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e tamén para o público dos concellos, bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Cantareiras: poesía popular oral, elaborada polo CEIPP Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda, un harmonioso conxunto de carteis nos que destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado na súa elaboración, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos diversos (códigos QR, pictogramas etc.), na procura de difundir o labor e transcendencia das mulleres homenaxeadas entre a rapazada."

Deixámosvos aquí as ligazóns aos carteis, á guía de actividades, ao mosaico, ao marcapáxinas e á regra.

27/04/2025

Xornadas das Letras Galegas


O pasado sábado 26 de abril, parte do equipo que elaborou xunto co alumnado os 10 carteis e a guía de actividades do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2025, presentou este traballo gañador nas Xornadas das Letras Galegas. Unha nova experiencia da que continuamos a aprender moito! Deixamos aquí máis fotos e vídeos (tomados polas compañeiras Alba e Monse), o programa das xornadas e a presentación que preparamos para acompañar a nosa exposición.

23/02/2025

Día de Rosalía

Este ano, para celebrar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, organizamos no centro unha sesión de acompañamentos lectores. O alumnado de 3º a 6º de Primaria escribiu e recitou unha selección de estrofas de poemas de Rosalía de Castro aos máis pequenos do colexio, que foron os encargados de ilustrar os referidos versos. Co resultado deste traballo editaremos un libro que pasará a formar parte dos fondos da Bibliosilva.

17/02/2025

Concurso - Exposición sobre As cantareiras e a poesía popular oral. Letras Galegas 2025

Unha vez máis estamos de noraboa! 

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa veñen de publicar a resolución deste concurso, declarando gañadora da categoría A a exposición elaborada polo noso centro. 

Para calquera membro do profesorado, isto suporía unha inmensa ledicia, mais no noso caso, a ilusión é aínda maior, pois algunhas das cantareiras homenaxeadas foron veciñas do noso concello, Cerceda.

Moitos parabéns a todo o alumnado e ao profesorado implicado que tanto esforzo puxo neste proxecto!


02/12/2024

IV Certame Coreografíate

O alumnado de 6º de Primaria presentouse este curso ao IV Certame Coreografíate coa canción Cantares de Camariñas, de Alana. Trátase dun evento organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega nun apoio á música realizada en galego. Moita sorte aos nosos artistas!

Un Samaín de medo!